TV Beiras 2012

 

A nosa canle en youtube:
TV Beiras 2012

Síguenos en

FacebookTwitter

Illar socialmente ao machismo! Illar as políticas machistas do Partido Popular!

Anova Irmandade Nacionalista quer manifestar o seu apoio a todas as actividades, concentracións e reivindicacións que o movemento feminista está a organizar no noso país ao redor da data internacional para a erradicación da violencia machista en todo o planeta. Unha violencia que cobra vítimas mortais, tamén no noso pais; que ocasiona lesións físicas a miles de mulleres e que deixa secuelas psicolóxicas a moitas outras e ás súas familias.

 

 

O movemento feminista vén sinalando aos culpábeis desta situación, unha organización patriarcal da sociedade e unha ideoloxía machista, que se ven reforzadas neste momento polo ataque sistemático a dereitos fundamentais das mulleres, como o dereito ao aborto, ou o desmantelamento de servizos públicos imprescindíbeis para poder exercer eses dereitos. O movemento feminista vén construíndo tamén alternativas ao patriarcado, e practicando unha denuncia constante da ideoloxía machista en todas as súas expresións e formas.

Anova Irmandade Nacionalista, asumindo este mandado, quer denunciar as políticas do Partido Popular que desde as institucións están dando marcha atrás ás conquistas feministas e ampliando a feminización da pobreza, a desigualdade laboral, a desprotección social e a inseguridade ante a violencia machista. Unha ofensiva que vén de longo e que incluíu recursos deste partido á Lei do Aborto, ao matrimonio homosexual, e á Lei de Igualdade. Unha ofensiva que está desmantelando a rede pública de apoio aos dereitos das mulleres; unha demolición consciente dos servizos que permitían comezar a falar de conciliación da vida familiar e laboral; unha volta á presenza no espazo público do integrismo relixioso e o modelo de segregación por sexos...

Anova Irmandade Nacionalista sinala tamén as políticas da Troika (FMI, BCE e CE) como cómplices e perpetuadoras do patriarcado e o machismo. Porque están impoñendo, coa chantaxe da débeda ilexítima, políticas de recortes sociais que deixan o dereito á Igualdade, e a loita contra a violencia machista, detrás do ilexítimo dereito á especulación e o enriquecemento do poder financeiro e as grandes corporacións. A Europa da Igualdade, ficou na cuneta. A Europa da escravitude e do machismo circula a altas velocidades. Impulsemos pois un gran zapatazo social contra o machismo e os seus cómplices. Desalóxemolos das institucións para dotármonos dun proceso constituínte que teña no valor da Igualdade un alicerce irrenunciábel.

 

Galiza, novembro de 2012

 

[cartaces deseñados, respectivamente, por Anova Ourense e Quinho de Cachena]



Comparte este artigo no Facebook:
Facebook!

Modificado o (Domingo, 25 Novembro 2012 02:01)