TV Beiras 2012

 

A nosa canle en youtube:
TV Beiras 2012

Síguenos en

FacebookTwitter

O portavoz de Alternativa Galega de Esquerda tacha os Orzamentos do Goberno de Feijóo de "crime de lesa cidadanía".
"Non nos vale a lóxica destes Orzamentos, rexeitámola rotundamente".

 

 

A partir desta premisa, o portavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Xosé Manuel Beiras, impugnou a comparecencia en comisión parlamentaria da conselleira de Facenda, Elena Muñoz, para explicar os números da Xunta de Alberto Núñez Feijóo para 2013. "Estas contas constitúen una conduta política anticonstitucional", engadiu Beiras, "que resulta ética e moralmente delitiva, por ser antisocial, son un crime de lesa cidadanía". Os datos amosan que o Goberno galego reduciu nun 7,2% os Orzamentos respecto dos de 2012 -655 millóns de euros, case a metade nos apartados relativos a sanidade e educación. E a tendencia non é nova. Nos catro anos que Feijóo leva sentado en San Caetano, as arcas públicas perderon un de cada tres euros dispoñíbeis para financiar servizos públicos, investimento ou emprego. En definitiva, para financiar o benestar dos cidadáns.
O portavoz de Alternativa centrou a súa intervención en desmontar os principios ideolóxicos que rexen por tras dos Orzamentos da Xunta para 2013. "A súa apoloxética dogmática viste de cores o seu obxectivo", expuxo, "ese que causa o empobrecemento e a miseria de gran parte do planeta e anemia do corpo social deste país". Tres "corsés de chumbo" impiden calquera perspectiva de inverter a lóxica económica dominante no Goberno autónomo: o teito de gasto, o tope de déficit orzamentario e a priorización absoluta do pago dunha débeda que, en orixe, non foi pública. "E vostedes non son máis que axentes liliputienses", acusou Beiras ao cadro directivo da Consellaría de Facenda, "ao servizo de poderes que nos queren borrar do mapa".
O deputado de AGE comparou a Xunta cunha "Unidade de Coidados Intensivos que recorta osíxeno e sangue aos pacientes para cadrar as contas". Pero, prognosticou, a este paso quedará "sen pacientes que tratar, porque estarán todos mortos". Fronte ao presunto mantemento do gasto social que esgrimiu a conselleira Elena Muñoz, Beiras despregou as cifras reais que contén o proxecto de orzamentos do Goberno galego para este ano: una caída do 11% en investimento público, a sanidade e o ensino que soportan o 44% do axuste total (290 dos 655 millóns recortados) ou unha redución do 45% nas políticas de vivenda e do 40,4% na promoción de emprego. "Estes orzamentos son un autobús sen freo cara ao inferno, e vostedes pisan o acelerador". Porque, a maiores, non é certo que non haxa diñeiro: "O sector superior da pirámide social é máis rico ca nunca".
Estas dinámicas orzamentarias de Feijóo implican, ademais, a eliminación da "escasa e precaria autonomía financeira da Xunta e, polo tanto, da autonomía política". "Están convertendo isto nunha irrisión, están a dinamitar desde dentro a autonomía galega", explicou, xusto antes de concluír, "e a vostedes non sei se lles importa moito, pero para a xeración que loitou polo autogoberno, e para xentes de todas as xeracións que loitaron por iso, isto significa un crime. E van quedar sen choio".


- Ligazón ao audio coas valoracións de Beiras (1) e (2).



Comparte este artigo no Facebook:
Facebook!