TV Beiras 2012

 

A nosa canle en youtube:
TV Beiras 2012

Síguenos en

FacebookTwitter

O Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda, a iniciativa dos deputados, Antón Sánchez e Yolanda Díaz, e a través do seu voceiro Xose Manuel Beiras Torrado, presentou unha Proposición non de Lei relativa ao proxecto mineiro de Corcoesto na que se insta á Xunta á elaboración urxente dun Plan Especial de Desenvolvemento Económico da comarca de Bergantiños co obxetivo de buscar alternativas sostibles para a zona.

Actualmente estase a tramitar o proxecto mineiro de extracción de recursos auríferos, a iniciativa de Mineira de Corcoesto SL, que solicita licencia de explotación mineira para unha área de máis de catrocentas hectáreas de terreo pertencente aos concellos de Cabana de Bergantiños e Coristanco.

Dito proxecto terá un impacto ambiental, económico e social moi negativo a longo prazo pola contaminación producida polos residuos do proceso químico de cianurización, pola balsa de residuos e os riscos de rotura da mesma, polo enorme consumo de recursos acuíferos necesarios, e polo evidente impacto negativo nas actividades agrícolas, gandeiras e de turismo na zona.

Aprovéitanse para xustificar o impacto negativo do proxecto mineiro os altos niveis de paro na zona diante cuxa problemática a administración autonómica leva feito pouco ou nada.

Na opinión do grupo de Alternativa Galega de Esquerda as políticas de creación de emprego en Galiza deben de ser con solucións sostibles a todos os niveis e baseadas na innovación, coñecemento e no respecto ao medio ambiente, como fonte de benestar e riqueza.

Diante da inacción da Xunta de Galiza, que non foi quen de propoñer alternativas de creación de riqueza e emprego na comarca, é polo que o Grupo Parlamentario presentou esta Proposición non de Lei na que se insta ao goberno da Xunta de Galicia a poñer os medios técnicos e económicos necesarios para a elaboración urxente dun Plan Especial de Desenvolvemento Económico da Comarca de Bergantiños, enfocado a desenvolver as potencialidades da comarca con alternativas viables e sostibles de creación de emprego e riqueza, a partir do desenvolvemento e aproveitamento sostible dos recursos naturais da zona, a modernización e adecuación da agricultura, o fomento da agricultura ecolóxica, a potenciación do turismo rural de calidade e a implantación de empresas de servizos.

Deste xeito o conxunto de iniciativas resultado deste Plan serán a alternativa escollida para o desenvolvemento da comarca fronte á extracción de ouro a ceo aberto e mediante o método de cianurización.



Comparte este artigo no Facebook:
Facebook!