TV Beiras 2012

 

A nosa canle en youtube:
TV Beiras 2012

Síguenos en

FacebookTwitter

O Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda denuncia a política "aberrante" do goberno de Núñez Feijoo que encamiña a Galiza cara ao inferno

Xosé Manuel Beiras asegura que "os datos do paro son únicamente a punta do iceberg" e destaca que "a situación vaise agravar ainda máis cos orzamentos para 2013, que destrúen e mutilan os programas destinados a promoción de emprego"

O voceiro do Grupo Parlamentar suliñou que "as políticas procíclicas do PP o único que conducen é a unha catástrofe social de dimensións incríbeis que dará lugar a un rebentón social, xa que a maioría social non pode aturar a agresión constante"

 

O voceiro do Grupo Parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda, Xosé Manuel Beiras, lamentou a "política aberrante" que está a manter o goberno de Núñez Feijoo, que está provocando unha situación do paro cada vez máis grave no noso país é son "simplemente o camiño do inferno".

"Desde que Feijoo asumíu a Presidencia o paro incrementouse en 120.000 parados, pero o máis importante é que a política que se está facendo, totalmente aberrante, destrúe a capacidade da xeración de emprego na economía no que depende do sector público e vaise aplicar exactamente igual nos orzamentos do 2013, que destrúen e mutilan os programas destinados a promoción de emprego" explicou o voceiro do Grupo Parlamentar.

Desde Alternativa Galega de Esquerda destacamos que a diminución do fondo de promoción de emprego será, segundo os nosos cálculos, dun 40 por cento respecto do 2012 nos oitos programas que están previstos. Ao mesmo tempo, desmantélanse os servizos como, por exemplo, no caso dos orientadores laboráis, colectivo de máis de 100 persoas que "suprimen polas boas como se o problema estivese resolto". A isto súmanse os "brutais" recortes en servizos públicos e sociais centrados máis da metade en sanidade e ensino, o que vai xerar máis desemprego. Temos uns orzamentos que se sitúan ao nivel do ano 2.000, hai trece anos.

O voceiro do Grupo Parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda destacou, por outra banda, a política de investimentos que tamén está a sufrir recortes dun xeito brutal, suliñando que "se non hai investimento público non hai formación de aquelo que é necesario, de capital para xerar empregos polo menos no sector público".

"Todas estas cifras son a punta do iceberg porque o paro rexistrado, seguramente, na realidade estará a superar a cifra dos 300.000 desempregados, unha cifra tráxica para un país da dimensión e estrutura demográfica que temos en Galiza" destacou Xosé Manuel Beiras. O voceiro explicou que "estas cifras son relativas ao paro rexistrado dos que non teñen emprego asalariado pero temos todo o sector de autónomos que non consta nos datos do paro e estase destruíndo, o sector agrarío, da pesca, servizos... xera destrución de emprego que non aparece nas cifras do paro". Ademáis "hai que engadir que a emigración hoxe de xente moza e cualificada está a ter impacto análogo ao rexistrado nos anos sesenta, e iso tamén hai que sumalo. Nos anos sesenta dicíase que a emigración era o aliviadeiro que impedía que aparecese paro, hoxe en día esa emigración é ademáis de xente moi cualificada". Finalmente, destacou o paro encuberto porque hai moitísima xente que ten unha alta cualificación que están facendo traballos precarios e non cualificados.

"A política do goberno de Núñez Feijóo de reincidir cuns orzamentos restrictivos que o único que fan é aumentar as cantidades que se deben en débeda pública e os que se destinan ao servizo da débeda pública tanto en amortizacións como en xuros, é simplemente o camiño cara o inferno, como dixeron grandes economistas das políticas que se están levando a cabo a nivel Europa, sempre ao servizo da plutocracia, destrución do estado de benestar, dos postos de traballo e abandono da función que ten o sector público de estimular a economía cando hai unha grande recesión, continuando coas políticas procíclicas coas que únicamente se está a agravar o curso descendente deste camiño ao inferno tamén a nivel autonómico" denunciou o voceiro de Alternativa Galega de Esquerda.

Trátase dunha política económica terríbel para a maioría social, "e o peor de todo é que o orzamento para 2013 vai agravar a situación de xeito que encadearemos cinco anos de caída na actividade económcia, no emprego, no benestar e nos dereitos dos cidadáns". A propia Xunta recoñece que no vindeiro ano haberá unha destrución de emprego do 2 por cento e un aumento do paro ata chegar a unha taxa absolutamente inaceptábel do 21 por cento. A realidade que imos sufrir aínda vai ser peor, superando a tráxica barreira das 300.000 persoas en paro.

"Isto ao único que conduce é a unha catástrofe social que vai ser dunhas dimensións incríbeis que supoño que dará lugar a un rebentón social, porque non é posíbel que a maioría social poida aturar este tipo de políticas constantemente agresivas" sentenciou o voceiro do Grupo Parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda, Xosé Manuel Beiras.



Comparte este artigo no Facebook:
Facebook!