TV Beiras 2012

 

A nosa canle en youtube:
TV Beiras 2012

Síguenos en

FacebookTwitter

Alternativa considera un "agravio intolerábel" para cos intereses de Galiza a Lei para paliar os danos producidos polos lumes e catástrofes naturais.

Alternativa Galega de Esquerda fai un chamamento á mobilización contundente contra o anuncio de ERE por parte de Cementos Cosmos.

O grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda insta a Xunta a explicar cales son as liñas de actuacións previstas na Formación Profesional anunciadas por Feijóo.

O Grupo Parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda esixe á Xunta actuacións urxentes e que se depuren responsabilidaes en relación ao proxecto de Alimentos lácteos SL.

Propostas á Fiscalía Superior de Galiza.

Deputados do Grupo Parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda reuníronse con representes das Plataformas 'Salvemos Cabana' e 'Santa Comba viva'.

Alternativa considera un "agravio intolerábel" para cos intereses de Galiza a Lei para paliar os danos producidos polos lumes e catástrofes naturais.

Xabier Ron presentou unha interpelación no Parlamento Galego no que insta á Xunta a realizar as xestións oportunas para modificar o proxecto de lei para que se recollan os danos producidos polos lumes padecidos en Galiza.
Está a piques de rematar o trámite parlamentario nas Cortes para a aprobación da "lei pola que se aproban medidas urxentes para paliar os danos producidos polos lumes e outras catástrofes naturais". Na súa tramitación, o PP vén de desbotar as emendas presentadas en orde a garantir que os lumes que aconteceron en Galiza e que devastaron espazos sobranceiros da nosa Terra, caso das fragas do Eume, se poidan beneficiar das axudas contempladas.
Non se entenden as razóns do Ministerio para excluír a Galiza das axudas, sendo o noso País unha terra onde sufrimos un endémico andazo de lumes, froito da falla dunha política integral forestal, que devolva usos e actividades tradicionais aos nosos montes.
Por todo isto, o Grupo Parlamentar presentou unha interpelación na que se pregunta á Xunta de Galicia qué valoración lle merece a discriminación efectiva da que é obxecto a nosa Terra no devandito proxecto de lei ao quedar excluída de facto das diversas axudas que contempla; se vai realizar a Xunta de Galiza as xestións oportunas que permitan a modificación deste proxecto de lei a fin de que se recolla un marco temporal que permita satisfacer as debidas reparacións no caso dos lumes padecidos en Galiza; qué actuacións vai realizar a Xunta de Galiza para desenvolver e pular pola conservación do parque natural das fragas do Eume; e qué outras medidas compensatorias vai executar para coadxuvar a superar os danos provocados polos lumes acaecidos este ano en Galiza.

 

O grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda insta a Xunta a explicar cales son as liñas de actuacións previstas na Formación Profesional anunciadas por Feijóo.
O Presidente da Xunta anunciou no seu discurso de investidura o inicio de liñas de actuación baseadas na idea de establecer a Formación Profesional Dual no territorio galego. Nun contexto de crise como o actual, onde a cuestións vencelladas ao emprego, a formación e a educación son elementos clave, calquera modificación do marco normativo da Formación Profesional, debe ser abordada contando con toda a comunidade educativa e as forzas sociais.
O pasado dia 8 de novembro aprobouse no Consello de Ministros o Real Decreto 1529/2012 no que se establecen as bases da Formación Profesional Dual, unha norma que ademais de intervir sobre competencias que, na actualidade, posúe o goberno galego, importa o modelo formativo Alemán nun contexto industrial, empresarial, laboral, económico e social completamente distinto.
O ministro Wert, a través do R.D. de F.P. Dual, aproba de novo unha norma á marxe da comunidade educativa e sen contar cos profesionais da educación, establecendo importantes cambios na Formación Profesional que, xunto cos estragos que está a producir a reforma laboral, permitirá que as empresas podan deixar de contratar un bo número de traballadores e traballadoras para ser substituídos por aprendices con salario precarios.
Por outra banda, o Real Decreto regula aspectos organizativos da FP que son competencia autonómica, afectando a aspectos programáticos e de distribución horaria que non corresponden o Goberno do Estado. Esta invasión de competencias afecta ás potestades do Goberno Galego quen, polo tanto, debe asumir o seu marco normativo.
As afirmacións feitas en sede parlamentaria polo presidente da Xunta sobre as súas intencións con respecto á implantación da F.P. Dual en Galicia, causaron unha fonda preocupación na comunidade educativa. Preocupación que se ve agravada despois dos recentes cambios efectuados este curso, na creación dos Centros Integrados de Formación Profesional de xeito repentino e sen mediar negociación.
Por isto, o Grupo Parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda pregunta á Xunta de Galiza cales son as liñas de actuación previstas polo Goberno Galego en relación cos cambios anunciados na organización da Formación Profesional; e se vai debater as medidas previstas nesta materia con toda a comunidade educativa, as forzas políticas e sociais e cos órganos de representación correspondentes como a Mesa Sectorial de Educación e o Consello Galego da Formación Profesional.

 

O Grupo Parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda esixe á Xunta actuacións urxentes e que se depuren responsabilidaes en relación ao proxecto de Alimentos lácteos SL
Solicitamos o esclarecemento das actuacións pasadas e lembramos que a Xunta de Galiza apoiou o proxecto con case 9 millóns de euros.
O proxecto, apoiado pola Xunta de Galiza con axudas económicas de até 8,8 millóns de euros, tivo dende o principio unha falta de criterio e planificación evidentes, que se demostran coa actual situación, cunha empresa que ten perdas de 4 millóns de euros no ano 2011, e débedas con centos de gandeiros e gandeiras que non cobran dende hai meses.
Como consecuencia destes factores, os gandeiros apenas entregan leite e a fábrica de Outeiro de Rei está practicamente parada. De feito nos últimos dous días entraron 50.000 litros de leite cando ten capacidade para procesar ate 900.000 litros.
Debido aos case 9 millóns de euros de diñeiro público invertidos, debido á situación dos 75 traballadores, debido á dificil tesitura dos gandeiros que están sen cobrar e nunha situación económica moi delicada e debido a que con cartos públicos se facilitou a competencia a prezos baixos, Alternativa Galega de Esquerda esixe accións inmediatas do goberno do señor Nuñez, para a defensa de traballadores da planta e dos gandeiros.
O deputado Antón Sánchez esixe que se esclarezan as actuacións e decisións tomadas pola administración autonómica e que se depuren responsabilidades políticas, diante desta nefasta intervención do goberno da Xunta, apoiando unha actuación que perxudicou a todo o sector.

 

O Fiscal Superior de Galicia presentou esta mañá no Parlamento a Memoria da Fiscalía Superior de Galicia na que Yolanda Díaz, vicevoceira de Alternativa Galega de Esquerda salientou unha serie de problemáticas que afectan á xente do común

- Violencia machista: Yolanda Díaz destacou o feito de que mentres a delincuencia xeral diminúe, no caso dos menores aumenta e o mesmo ocorre coa violencia doméstica e de xénero. Estos datos reflicten según a vicevoceira de AGE o feito de que a actual situación de crise e constantes ataques por parte das distintas administracións que están a padecer as familias no noso país estanse a traducir nun aumento tamén da violencia. Así mesmo, suliñou o declarado por Carlos Varela en canto a falla de medios existente hoxe en día na Xustiza o que provoca que existan graves problemas para evitar determinadas conductas delictivas.
- Abrir o abano contra as prácticas abusivas: Alternativa Galega de Esquerda considera que o Ministerio fiscal debe actuar non só no tema das preferentes sentón tamén ante outro tipo de prácticas abusivas que se sufren todos os días, como contratos en materia de telecomunicacións ou o suministro de enerxía.
- Defensa medioambiental: sinalamos a necesidade de que a fiscalía exerza un maior control para evitar aos ataques a noso patrimonio natural tal e como está a acontecer na actualidade con proxectos como o da mina de Corcoesto ou a planta de gas de Ferrolterra.
- Nenos/as roubados e recuperación da Memoria histórica: en relación á nova relativa á non prescrición dos delitos nos casos dos nenos e nenas roubadas durante a etapa do franquismo, Yolanda Díaz instou a que tamén se teña sensibilidade coas asociacións pola recuperación da memoria histórica e se dea resposta a todas esas familias que unicamente queren saber qué é o que aconteceu cos seus familiares e onde están os seus restos.
- Tasas xudiciais: manufestamos a repulsa de AGE pola política de tasas do PP e esiximos unha adecuación da xustiza á realidade do noso País.
- Desafiuzamentos: pedimos á Fiscalía que actúe empregando os camiños (a través da defensa dos menores ou cando se ven afectadas persoas con discapacidade) que están na súa man para evitar a grave situación que están a padecer as familias galegas.
- Centros CIE: amosamos a nosa posición contraria aos CIE "profundamente opacos" e onde as ONG's están a denunciar vulneracións dos dereitos das persoas; solicitamos unha investigación e un maior control dos mesmos.

 

Deputados do Grupo Parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda reuníronse con representes das Plataformas 'Salvemos Cabana' e 'Santa Comba viva'
Os deputados Antón Sánchez e David Fernández de Alternativa Galega de Esquerda, reuníronse con representantes dos grupos veciñais das localidades de Cabana de Bergantiños e Santa Comba contrarios aos proxectos mineiros de carácter metalífero que a empresa canadense Edgewater Exploration quere instalar nos seus municipios. No encontro tratáronse temas relativos aos problemas ambientais derivados destas e outras explotacións mineiras a ceo aberto proxectadas en todo o territorio, así como os impactos que podería traer o polémico desembarco do 'fracking' en terras galegas.
Dende a Plataforma 'Salvemos Cabana' valorouse moi positivamente a reunión, en canto consideran que neste momento "os plans de estractivismo a grande escala planeados pola Xunta rozan o absurdo" e poden ter "consecuencias desastrosas a nivel socioeconómico e ambiental", polo que é fundamental que os representantes públicos estean implicados "ao máximo" na defensa da terra.
Pola súa banda, dende 'Santa Comba Viva' alertouse de que a elevada dispersión territorial dos municipios galegos e a súa interdependencia coas labores tradicionais non permiten este tipo de actividades de carácter non renovable, ao levar implícitos procesos altamente contaminantes que afectan ao mantemento saudable dos sistemas do aire, o solo e a auga que son fundamentais na sostibilidade das tarefas agrogandeiras que dende sempre foron o sinal de identidade de Galicia.
En ambos casos, dende as dúas plataformas sinalan que neste momento, "é fundamental redirixir o modelo de desenvolvemento e adaptalo á demanda europea de productos obtidos de xeito sustentable, para o cal os habitantes do medio rural galego, pola súa dilatada experiencia, serían os mellores cantidatos".

 

Alternativa Galega de Esquerda fai un chamamento á mobilización contundente contra o anuncio de ERE por parte de Cementos Cosmos

O Grupo Parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda quere manifestar públicamente o seu rexeitamento frontal ao anuncio dun ERE por parte de Cementos Cosmos que afectará a 60 traballadores e que deixaría a única cementeira que opera en Galiza ao borde do peche, xa que quedaría únicamente con 14 empregados entre os que se atopan os directivos.
Desde Alternativa Galega de Esquerda faise unha chamada á mobilización contundente de toda a comarca para evitar estos despedimentos e o peche da cementera. Así mesmo, esiximos a implicación da Xunta de Galiza neste novo anuncio de perda de postos de traballo no noso País, apostando pola recuperación e posta en funcionamento de elementos produtivos e acabando con estas decisións empresariais que supoñen a pena de morte da comarca e son froito da permisividade da Xunta coa deslocalización e a reforma laboral.



Comparte este artigo no Facebook:
Facebook!