TV Beiras 2012

 

A nosa canle en youtube:
TV Beiras 2012

Síguenos en

FacebookTwitter

O Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda denunciou esta mañán en rolda de prensa a nova vía de saqueo e expolio e o brutal ataque á riqueza mediambiental e ecolóxica do noso país que supón o proxecto mineiro de Corcoesto e que conta coa complicidade da Xunta de Galiza.

Segundo Xosé Manuel Beiras, "este proxecto compénsalle á empresa, pero ao noso país non, á nosa xente non. Están aproveitando a situación de crise e o paro. É unha chantaxe sobre a xente que está abocada a pasar fame ou ter que emigrar. Absolutamente intolerábel".

 

O deputado Antón Sánchez explicou os aspectos negativos do proxecto, entre os que destaca que se trata dunha explotación a ceo aberto cun impacto fortísimo, non permitido noutras zonas de Europa. O proxecto inclúe unha excavación de 1,5 kms de diámetro e un nivel de extracción elevadísimo ao que hai que sumar o feito de que para separar o ouro empregarán cianuro altamente perxudicial e prohibido en moitos lugares.
Antón Sánchez destacou ademáis o feito de que todo este proxecto se levará a cabo por unha empresa de Canadá e, segundo aparece no proxecto, a duración sería de once anos, tempo tras o que marcharían despois de restaurar todo o dano ao entorno pero "a realidade é que este proxecto preséntase agora mesmo porque o prezo do ouro está a alza pero, no momento que baixe, se a mina de Corcoesto deixa de ser rentábel para a empresa, marcharán deixando a zona sen reparar o que implicaría que ao final teríamos que investir cartos públicos para tratar de recuperar a zona".

Os deputados e deputadas de Alternativa Galega de Esquerda destacaron que este proxecto foi calificado como estratéxico pola Xunta de Galiza, o que supón entre outras cousas que poden deixar fóra aos Concellos, xa que poderían saltar o trámite de enviarlles toda a información e informes relativos ao mesmo.
"A Xunta está enganando á cidadanía, ocultando os danos ambientais e impactos sociais que terá este proxecto aproveitándose da crise actual e da necesidade de traballo da xente pero nin sequera no tema dos postos de traballo que vai supoñer a execución do proxecto din a verdade. Feijóo falaba de 1.400 postos de traballo pero nin a propia empresa se atreve a dar esa cifra, e no proxecto fálase de 270 postos de traballo. Nunha reunión que mantivemos coa propia empresa falaban de máis de 250, porque senón ademáis non podería ter a consideración de proxecto estratéxico, pero nunca falaron dos 1.400 que di Feijoo", explicou Antón Sánchez.
"Trátase dun proxecto insostíbel que se aproveita da situación de desesperación da xente" declarou Antón Sánchez, quen ademáis denunciou o intento de extorsión e coacción que está a levar a cabo a empresa co envío dunhas cartas á veciñanza nas que insta a vender os seus terreos dun xeito inaceptábel, incluíndo a ameaza". Unha carta que Beiras asegurou que lle lembraba a "procedementos propios do franquismo en terras que querían saquear".
A esto súmase a actuación do alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño Domínguez, que máis parece o xefe de recursos humanos da empresa, recollendo currículums da xente que di estar interesada en traballar na mina, nunha clara actitude caciquil, e presume de ter xa máis de 500.
Este proxecto recibíu o informe favorable de Patrimonio pese a estar ubicado nunha zona arqueolóxica, polo que se vai pedir a comparecencia urxente do Conselleiro de Economía e Industria e do de Educación e Cultura.
O voceiro do grupo de Alternativa, Xosé Manuel Beiras, insistiu que o proxecto "é unha falacia e unha vía de expolio e saqueo e a Xunta está en connivencia e é cómplice". Por iso, asegurou que "Alternativa Galega de Esquerda vaise enfrentar na medida das nosas forzas a este proxecto e apioará desde o Parlamento a resistencia que opoñen os cidadáns a este expolio. Trátase dun problema non só para a comarca de Bergantiños senón a nivel nacional".
"Feijóo o que ten que dicir é se está disposto a permitir un novo saqueo do noso país ou vai manter unha posición firme en contra deste proxecto. O señor Núñez Feijóo é o que ten a máxima responsabilidade", sentenciou Beiras, quen defendeu que "xa está ben de andar coa trola e a mentira de creación de postos de traballo. As empresas usan postos de traballo, empregan postos de traballo non os crean. Se se organizasen cooperativas entre os propios traballadores non tería que vir un capitalista a gañar cartos a costa dos nosos traballadores".
"Este proxecto compénsalle á empresa, pero ao noso país non, á nosa xente non, e incluso aos ingresos da Xunta de Galiza. Están aproveitando a situación de crise e paro, é unha chantaxe sobre a xente que está abocada a pasar fame ou ter que emigrar. Absolutamente intolerábel", rematou o voceiro do Grupo Parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda.

 



Comparte este artigo no Facebook:
Facebook!