TV Beiras 2012

 

A nosa canle en youtube:
TV Beiras 2012

Síguenos en

FacebookTwitter

ANOVA DESTACA O "DURO GOLPE POLÍTICO" ÁS POLÍTICAS DE FEIJÓO EN MATERIA DE VIVENDA QUE O GOBERNO CENTRAL CONSIDERE INCONSTITUCIONAIS VARIOS ARTIGOS DA LEI DE VIVENDA APROBADA ESTE ANO POLO PP

Dende Anova, consideramos que se pon de manifesto que o modelo de Feijóo é o de amparar aos infractores e aos especuladores, en troques de considerar a vivenda coma un dereito das persoas

Dende Anova, denunciamos que as políticas da Xunta amparan as ilegalidades e reducen a reserva de solo para vivendas de protección en Galiza.

ANOVA destaca o "duro golpe" que acaban de recibir as políticas de vivenda de Feijóo por parte dun goberno do Estado que cuestiona a constitucionalidade de varios apartados da Lei de Vivenda de Galiza, aprobada este ano 2012 cos votos en exclusiva do PP.

Tanto o DOG como o BOE publicaban o 5 de decembro os acordos Xunta-Estado polos que o goberno do Estado considera inconstitucionais varios preceptos de dita Lei de Vivenda de Galicia, polo cal Estado e Xunta, ao abeiro do art. 33 da Lei Orgánica do Tribunal Constitucional acordan iniciar negociacións para resolver as discrepancias.

 

Dentro dos aspectos lexislativos que cuestiona o goberno do Estado da Lei 8/2012 de vivenda de Galiza, están os seguintes:

 

1.- Pocentaxe de reserva para vivenda protexida.
O Estado cuestiona a legalidade da Disposición Adicional Novena da Lei 8/2012, pola que se daba nova redacción ao art. 47.11 da Lei 9/2002, LOUG, que é o precepto que determina a porcentaxe de reserva para vivenda protexida (VP). Mediante dita disposición o PP aprobou rebaixar a porcentaxe de reserva para VP que fixaba a anterior lei de vivenda do 2008 (aprobada polo bipartito), pero non só iso, senón que mesmo permite rebaixar a porcentaxe de reserva que fixa a lexislación estatal (Texto Refundido da Lei do Solo, RDL 2/2008, de 20 de xuño).
En efecto, mentres a lexislación estatal fixa a porcentaxe de reserva para vivendas protexida nun mínimo do 30%, a lei galega permite que os Concellos poidan rebaixar dita porcentaxe en función da aplicación dunha fórmula matemática (*) en función do número de inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia e o número total de habitantes inscritos no padrón municipal.
Como consecuencia delo a Lei galega ampara rebaixar a porcentaxe de reserva en función dos inscritos no rexistro de demandantes, cando tal excepción, ademais de ser un desatino disparatado, non se prevé na lei básica estatal.
A título de exemplo, aplicando a porcentaxe de reserva para VP que fixa a lei galega (e que o goberno do Estado considera anticonstitucional) daría un resultado medio do 12,21 % (**), cando a lei básica estatal esixe un mínimo do 30%.
O que pretendeu o PP foi rebaixar ilegalmente a porcentaxe de reserva para vivendas protexida en beneficio exclusivo dos intereses dos promotores inmobiliarios e en detrimento dunha política social de vivenda, hoxe mais necesaria e urxente que nunca.
Tamén se cuestiona a legalidade constitucional da DT Sétima que, en relación coa DA Novena, permite modificar as porcentaxes de reserva dos plan xerais xa aprobados. Ou sexa, que, por exemplo, se un PXOM vixente contiña unha porcentaxe de reserva para VP do 40 por cento, o Pleno do Concello, sen necesidade de modificar o PXOM, pode rebaixar dita porcentaxe. E algún Concello do PP xa o fixo (Miño tiña no seu PXOM unha reserva do 40 %; pois ben, por acordo plenario desta semana rebaixouno ao 7,2 %, porcentaxe que era o derivado da aplicación da fórmula antes sinalada).

2.- Amnistía para as obras ilegais anuladas por sentenza firme.
Nun despropósito manifestamente ilegal, as Disposición Adicionais Sexta e Sétima da Lei 8/2012 amnistiaban da demolición as obras ilegais (tanto para vivendas como para naves industriais e comerciais) cuxas licenzas foran anuladas por sentenza firme, xa que determinaba que antes que demoler o Concello tería que indemnizar economicamente aos propietarios. Dita norma era unha vulgar copia da lei de Cantabria que xa foi obxecto de varios recursos de inconstitucionalidade (formulados polos propios tribunais de xustiza de Cantabria).
Como é ben sabido a anulación xudicial dunha licenza de obras obriga necesariamente á demolición do construido ao seu amparo, con independencia da esixencia de responsabilidade económicas que poida ter que asumir o Concello (procedemento administrativo que é independente da execución da sentenza).

Por todo isto, ANOVA considera que se pon de manifesto que o modelo de Feijóo é o de amparar aos infractores e aos especuladores, no troques de considerar a vivenda coma un dereito das persoas.


(*)PRTC =(IRT x 10) x 100/IPM; onde PRTC= Porcentaxe de reserva total do concello de solo para vivenda protexida.IRT= Inscritos como solicitantes de vivendas protexidas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia nese municipio.IPM= Número total de habitantes inscritos no padrón municipal.
(**) Inscritos no Rexistro ünico de demandantes (a data de hoxe) : 34.135
Poboación de Galiza : 2.795.422 habitantes
Porcentaxe de reserva = 34.135 x 10 x100/2.795422 = 12,21 %.

 

Galiza, 5 de decembro de 2012.



Comparte este artigo no Facebook:
Facebook!

Modificado o (Venres, 07 Decembro 2012 00:21)